A xornada abriuse cun relatorio titulado ‘Os éxitos da dixitalización na pequena e mediana empresa’ no que participaron a presidenta da cooperativa Abacus, Maravillas Rojo, e a directora da delegación en Galicia de Redflexión, Jessica Gregori. Este bloque temático estivo moderado por Ana Olveira, presidenta da Unión de Cooperativas ESPAZOCOOP
Na súa intervención, Maravillas Rojo, presentou a súa entidade, unha organización referente en educación e cultura que crea e distribúe contidos e produtos de calidade para contribuír a un país e un mundo mellor desde os valores cooperativos. “En Abacus buscamos consolidar unha empresa sólida, rendible e eficiente, propiedade da xente e xestionada desde a gobernanza e os valores cooperativos”. Rojo incidiu na dixitalización, un modelo de xestión e de cambio cultural, non só un reto de sistemas de información, un reto de persoas directivas e de todas as persoas con responsabilidade que permite facer cousas novas e mellorar as que xa se están a facer. A presidenta de Abacus mostrou as boas prácticas en métodos e modelos de xestión cooperativa que introduciron racalcando que “unha empresa dixital é capaz de ofrecer novos servizos, ser eficiente nos procesos internos, en puntos de contacto co cliente, e capaz de atraer e reter talento”.
Jessica Gregori, directora da Delegación Galicia de Redflexión, unha consultora especializada en intelixencia competitiva e internacionalización, centrouse en comercio electrónico no ámbito internacional. Comezou a súa exposición recordando que xa non somos meros provedores de produtos e na necesidade de xerar unha experiencia cohesiva para o cliente con respecto ao márqueting, as vendas e o servizo ao cliente. A experiencia do usuario debe definirse por criterios de facilidade de uso, accesibilidade e conveniencia, e isto cambia rapidamente debido aos avances tecnolóxicos, aos novos tipos de interaccións e ás preferencias do usuario. E concluíu advertindo que “xa non só importa o que se compra senón a quen se compra”.
Recapitulando, ambas relatoras coincidiron en que o contexto actual require unha nova organización e novas ferramentas, sendo clave para o éxito organizar un equipo humano capacitado e formado para manter o bo servizo na relación de consumo.
Tras este debate, abordouse o emprego na mesa redonda ‘Un pacto polo emprego agrogandeiro e a inserción laboral’, moderada por Isabel Fraga, presidenta de Aeiga (Asociación de Empresas de Inserción de Galicia). Nesta mesa participaron Ángel Miranda, director da división agrogandeira da cooperativa CLUN, que se centrou na situación actual do sector leiteiro; Lucía Aparicio, psicóloga do Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas, que enumerou condicións clave para o éxito na inserción laboral; Saray Durán, secretaria de EAPN Galicia e directora xeral de Ecos do Sur, informou das cuestións a ter en conta á hora de contratar persoas estranxeiras destacando a necesidade de investir tempo e recursos que posibiliten unha boa calidade de vida; e Óscar Freire, adxunto á dirección da Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña, que comentou a experiencia da súa entidade integrando, a través da contratación, persoas migrantes nas explotacións gandeiras.
Esta mesa dou paso á presentación de Nó rural a cargo de Nuria Fernández da Asociación de Desenvolvemento Rural de Euroeume. Este proxecto é unha iniciativa para o acompañamento da mocidade interesada nas oportunidades das áreas rurais para desenvolver o seu proxecto profesional e persoal. A través de Nó Rural queren crear unha rede de colaboración a prol da inserción laboral relacionando aos diferentes axentes que xa están a traballar con emprego, xuventude e sector agrogandeiro. Ademais de identificar oportunidades para o emprendemento mediante unha cartografía de terras e vivenda potencialmente dispoñibles.
Durante a xornada presentouse a ‘Guía de boas prácticas en Obxectivos de Desenvolvemento Sostible nas cooperativas agroalimentarias de Galicia’. Claudia Rodríguez, da cooperativa Alén, foi a encargada de debullar este documento elaborado en colaboración con AGACA.
Carmen Rodríguez, presidenta de AGACA, agradeceu aos participantes a súa asistencia e a súa disposición a colaborar nesta xornada. Tamén agradeceu ao equipo técnico e persoal de AGACA pola “súa constancia e sacrificio”. Pechou a súa intervención animando a construír “ coa economía social un futuro para o noso rural.”
Celso Gándara, presidente de ForoESGal, agradeceu a AGACA a realización desta xornada para logo preguntar que aporta unha perspectiva de economía social a unha cooperativa agroalimentaria, a resposta é valor e a capacidade de ofrecer servizos relacionados con necesidades existentes e emerxentes.
A intervención final foi da Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, que puxo en valor a economía social como modelo comprometido co entorno, a inovación e o medio rural. “A economía social tamén aposta polos colectivos vulnerables ou con difícil inserción no mercado laboral e actúa contra as desigualdades”, engadiu. A titular de Promoción do Emprego puxo tamén de relevancia a celebración de seminarios como o que clausurou, xa que serven como “punto de encontro” e de “intercambio de coñecemento” para continuar dando pulo a unha fórmula que, en palabras da conselleira, é sinónimo de tradición e éxito, de cambio e innovación e representa os valores e principios que mellor definen ao pobo galego, como son a solidariedade e afouteza.